50 anos do Belén de Begonte (1972-2022)

A exposición está composta por trece paneis que reflicten as datas e os datos máis destacados da historia do Belén, con mención especial ao Nadal de 1972, na que o bispo de Mondoñedo, Monseñor Araujo bendiciu o Belén que nacía, e pronunciou o pregón Víctor Sáenz. Anos despois Monseñor Araujo sería tamén pregoeiro do Belén. O Nadal en Begonte ten sido pregoado neste case medio século por profesores, escritores, xornalistas, políticos, cregos, bispos… e dous Presidentes da Xunta, un presidente do Parlamento, un Arcebispo e un Xeneral.

Destácase a galeguidade do Belén, o seu carácter de chairego, por reflectir a cultura e os costumes da Terra Chá, convertendo Begonte nunha especial Galilea onde cada ano se escenifica o nacemento do Redentor. Cadanseu panel se dedica aos certames culturais que o Belén convoca (poesía, xornalismo, arte e debuxo infantil), sempre co Nadal como motivo.

Destácase o papel de José Domínguez Guizán (crego de Begonte, fundador) e José Rodríguez Varela (creador do Belén), que aquel 1972 deron ao mundo un belén electrónico que case medio século despois é o Belén do Camiño Norte, con vocación de ser o Belén dos Camiños, que ten mesmo alterado o nome da poboación que o sustenta, que hai anos foi bautizada polos alumnos do Seminario Santa Catarina de Mondoñedo como “Begonte do Belén”.

E despois do fundador e o creador, Jesús Domínguez Guizán, como seu irmán crego de Begonte, que desde o pasamento deste asumiu a responsabilidade de continuar o labor relixioso e cultural do Belén, no que leva trinta e cinco anos.

Proba do vencello entre o Belén e o concello de Begonte é que o creador José Rodríguez Varela, cando morreu en 2010, foi declarado Fillo Predilecto do Begonte; e este Concello ten dado o nome dos IRMÁNS DOMÍNGUEZ GUIZÁN (José, fundador; Jesús, actual Presidente, e Milagros, sempre apoiando en segundo plano) á praza inmediata á sede do Belén.

A apertura desta exposición, que vai a visitar 33 cidades e pobos de Galicia, pon de manifesto a intención dos responsables do Belén de que, mantendo o seu carácter virtual que o pasado ano esixiu a situación sanitaria, este ano volva estar aberto ao público desde o primeiro sábado de decembro ata o último sábado de xaneiro, e tentar superar as 40.000 visitas que se viñeron rexistrando nos anos anteriores á aparición da pandemia.

Data
Outubro 2021
Colaboramos con
Xunta de Galicia
Concello de Begonte
GaliciaDigital
Tarefa
Exposición Itinerante
Folleto Informativo
Recursos
Exposición Itinerante
Web Belén de Begonte
Folleto Informativo