A totalidade do Camiño Norte – dos Camiños a Compostela- está/están declarados o que antes se chamaba “Monumento Nacional”, e todos entendíamos o significado maxestuoso e irrepetible dunha declaración así. Neste tempo de racionalidade, de investigación, de pescudar nas raíces, a denominación oficial é a de “Ben de Interese Cultural” que, se pode significar o mesmo, delimita dun xeito máis específico o carácter do elemento de que se trate, non producido pola natureza senón pola intervención da man e da intelixencia humana.
Queremos, dentro do conxunto declarado “Ben de Interese Cultural”, e referido á provincia de Lugo, subliñar os elementos que nos parecen máis sobranceiros –individuais ou de conxunto- dos concellos lucenses polos que pasa o Camiño do Norte, que se inician en Ribadeo e rematan en Friol, pasando por Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Begonte e Guitiriz.
Non se pretende –sería imposible- agotar o tema, pechando un catálogo monumental de elementos sobranceiros que fosen fitos chantados á beira do Camiño ou no seu contorno, senón mirar con ollos de peregrino –asombrados, devotos…- as pegadas humanas ou os agasallos da natureza que conmoven ao que camiña movido pola fe ou por calquera outro sentimento que fai ao ser humano moverse na procura dun obxectivo; facer camiño ao andar e ver; comprobar cada día que a súa terra é máis grande canto máis os seus ollos acreditan maiores dimensións.
Escollemos os elementos que máis nos teñen chamado a atención, sabendo que cada quen pode coincidir ou disentir na importancia que lle damos a cada elemento de que se trate, na seguridade de que poden ser considerados máis relevantes outros monumentos que polo Camiño se atopen, pero nunca se poderá deixar de considerar que os espazos ou edificios dos que aquí tratemos non teñan relevancia abonda para ser considerados extraordinarios.
- Data
- Marzo 2019
- Colaboramos con
- Deputación de Lugo
- Tarefa
- Desenvolvemento material literario e gráfico.