
Lugo e Láncara acolleron, do 5 ao 7 de novembro de 2026, as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas á figura de Ramón Piñeiro e á súa contribución ao pensamento, á filosofía e á lingua galega. A iniciativa reuniu a especialistas e investigadores nun programa que combinou intervencións académicas, actividades culturais e percorridos por espazos relacionados coa vida do intelectual lucense.
As II Xornadas Anuais de Pensamento Galego foron promovidas e organizadas por Egeria e Brandán Comunicación, contaron co patrocinio da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, e coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Sociedade Interuniversitaria de Filosofía, a Biblioteca Provincial de Lugo, Editorial Galaxia, a familia de Ramón Piñeiro, o Centro Ramón Piñeiro, a Real Academia Galega, a Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga) e a Fundación Serget. A coordinación científica correspondeu a Marcelino Agís Villaverde, Agustín Dosil Maceira, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Xulio Xiz Ramil.
As xornadas comezaron o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo, coa inauguración a cargo da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición «Eu, Ramón Piñeiro» e da web ramonpineiro.gal. A primeira sesión incluíu intervencións sobre a dimensión familiar, académica, filosófica, política e intelectual de Ramón Piñeiro, a cargo de Grial Parga, Henrique Monteagudo, Rocío Carolo Tosar e Siro López Lorenzo.
O venres 6 desenvolveuse unha ruta polo Lugo de Ramón Piñeiro, guiada por Beatriz García Turnes, que percorreu distintos espazos vinculados á súa vida. Pola tarde, a Casa do Concello acolleu novas sesións académicas, con conferencias de Valentín García Gómez, Armando Requeixo, Miguel Ángel Martínez Quintanar e Beatriz García Turnes, centradas no pensamento, a lingua e a vixencia da figura de Piñeiro. A programación completouse coa presentación do libro Manuel Regueiro Tenreiro: Filosofía e lingua e a conferencia de clausura «Ramón Piñeiro, filósofo», impartida por Marcelino Agís Villaverde.
Finalmente, o sábado 7 de novembro celebrouse en Láncara un percorrido polos lugares vinculados á vida de Ramón Piñeiro, guiado por Agustín Dosil Maceira, que incluíu a súa casa natal, a escola e outros espazos significativos.
- Data
- Novembro 2026
- Colaboramos con
- Xunta de Galicia
- Concello de Lugo
- GaliciaDigital
- Universidade de Santiago de Compostela
- Sociedade Interuniversitaria de Filosofía
- Biblioteca Provincial de Lugo
- Editorial Galaxia
- Familia de Ramón Piñeiro
- Centro Ramón Piñeiro
- Real Academia Galega
- Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (Fundehsga)
- Fundación Serge+
- Tarefa
- Coordinación do proxecto
- Organización das xornadas
- Creación da exposición itinerante
- Materiais
- Descargar folleto (PDF)
- Máis Información
- Web Eu, Ramón Piñeiro
- Ver exposición en Museo Virtual Egeria
