
Vén de presentarse no salón de Plenos do Concello de Lugo o libro ASPNAIS: 60 ANOS, 100 OLLADAS, do que son responsables Antonio Giz e Xulio Xiz, do Colectivo Egeria, que recolle un total de cen testemuñas literarias, fotográficas, artísticas e musicais, de lucenses vinculados ás letras, ás artes e á vida da sociedade lucense.
A orixe deste libro remóntase a 2016, cando se celebrou o medio século da fundación de ASPNAIS, e con ese motivo numerosos lucenses entraron na vida cotiá da Asociación, e moitos deles expresaron os seus sentimentos en relación coa realidade desta Asociación de pais e titores de persoas con discapacidade intelectual, por medio de poesías, narracións, fotografías e composicións musicais.
Agora que se celebran os sesenta anos de ASPNAIS, pareceu oportuno publicar todas aquelas testemuñas, e a publicación foi posible grazas á Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua.
Destas olladas, seis dos participantes -Isidro Novo, Pepe Seijo, Fernando Pardo Gómez, Xenaro Pérez, Xoán Xosé Fernández Abella e Xosé Manuel Carballo Ferreiro- xa non están connosco, polo que esta publicación é unha homenaxe póstuma. E algúns outros non puideron participar por problemas de saúde, por motivo de traballo, ou distancia.
Abarrotaron o salón de sesións e a sala inmediata, ademais de numerosos lucenses, medio cento dos autores incluídos no libro, dous deles -Carlos López e Xosé Otero- leron os seus poemas, e leuse o poema de Isidro Novo, como lembranza dos que xa non están entre nós.
Citouse no acto o traballo colectivo de todos os usuarios de ASPNAIS, nun cadro que figura na entrada da sede da Asociación, que foi dirixido polo artista lucense Francisco Cesar Díaz Sánchez.
A publicación ten un limiar do profesor Ángel Carracedo, recentemente elixido membro da Real Academia de Medicina de España, e un colofón do cineasta lucense Pepe Coira.
No libro, ASPNAIS fai constar o agradecemento especial da entidade a seis persoas, con actual ou pasada actividade política, pola axuda que teñen prestado ao fins da entidade: Elena Candia, Miguel Vázquez, Javier Arias, Fabiola García, José López Orozco e José Ramón Gómez Besteiro.
Na presentación, coordinada por Xulio Xiz, interviñeron o Presidente de ASPNAIS, José Reigosa; o Delegado Territorial da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; e a Alcaldesa de Lugo, Elena Candia. Acompañáronnos na mesa presidencial o Director Xeral de Maiores da Xunta de Galicia, Antón Acevedo e a Vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Raquel Arias.
