Egeria presenta en Lugo "O Reiseñor de Randulfe", o legado literario de Santiago Rodríguez López

O Concello de Paradela, a Xunta de Galicia e Egeria deron a coñecer onte en Lugo (despois da presentación realizada en Paradela) o que pode considerarse o “testamento” literario do xenetista e catedrático Santiago Rodríguez López, fillo adoptivo do municipio falecido o pasado ano. A obra, titulada "O reiseñor poeta de Randulfe", está dedicada á memoria do seu pai, o escritor Manuel Rodríguez López.

A publicación, cualificada de “moi especial” polo xornalista Xulio Xiz, é froito da colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia. O acto de presentación celebrouse na Biblioteca Pública de Lugo, e contou coa presenza da víuva do autor, Mary Otero; o seu fillo, Carlos Rodríguez; a alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet; o directorio territorial de Cultura da Xunta en Lugo, Manuel Antonio Fernández; o fillo predilecto do Concello de Paradela, Ángel Fernández; e Xulio Xiz, presidente de Egeria.

Durante o evento, Xulio Xiz lembrou que Santiago Rodríguez sentía “unha fonda preocupación e admiración pola figura e pola literatura do seu pai”. Segundo explicou, o autor “estaba a traballar nun proxecto no que reinterpretaba as palabras e a poética de Manolo Rodríguez, integrándoas nun relato que mesturaba historia e ficción”. A súa morte, porén, deixou a obra inconclusa, e foi o seu fillo, Carlos Rodríguez Otero, quen a recuperou.

“Quixemos editar este libro como unha especie de testamento vital e literario de Santi, inspirado no seu cariño polo seu pai e polo que representaba a súa obra”, indicou Carlos Rodríguez. “Agora este traballo pasa a ser de todos, especialmente de Paradela e da súa xente.”

Un retrato da vida de Paradela

A alcaldesa, Montserrat Mulet, destacou que "O reiseñor poeta de Randulfe" é “unha homenaxe de fillo a pai, pero tamén un reflexo da vida paradelense de onte, de hoxe e de sempre”. Engadiu que a obra “amosa o enxeño literario dun científico namorado da poesía paterna” e considerou a súa publicación “un acto de xustiza e de orgullo colectivo, unha maneira de honrar a memoria de dous referentes da nosa cultura”.

O libro, editado por Egeria, conta cun prólogo de Baldomero Iglesias Dobarrio (Mero), un colofón do poeta Xavier Rodríguez Barrio e ilustracións da artista vilalbesa María Guerrero. A edición foi coordinada por Antonio Giz, Xulio Xiz e Carlos Rodríguez Otero.