
Manuel Rodríguez López foi un escritor paradelense na emigración que constituíu un vínculo informativo e social entre a emigración en Cataluña e o noso país, en tempos nos que as comunicacións eran moito máis difíciles que na actualidade.
A memoria do escritor, falecido hai agora 34 anos, foi gardada de xeito especial polo seu fillo Santiago Rodríguez López, profesor e logo catedrático na Universidade de Bristol (Reino Unido), que fixo un exhaustivo traballo de recompilación de obra e de difusión desta, así como escribiu unha narración novelada titulado “O Reiseñor Poeta de Randulfe” sobre a traxectoria e a obra de seu pai.
Falecido prematuramente o fillo do escritor aos 52 anos a comezos do presente ano, ficou inédito o traballo “O Reiseñor Poeta de Randulfe”, que o autor explicaba así:
"Unhas terras habitadas por xentes nobres e xenerosas, situadas á beira do Camiño de Santiago, presenciaron o nacemento, hai xa moito tempo, do primeiro reiseñor poeta. Abofé que reiseñores e poetas foron coñecidos e apreciados desde sempre. O que nunca antes se vira é que os dous casos coexistisen unificados nun só ser vivo. Nunca tal se soubera, ata certo día de Nadal dun ano para a lembranza, no que se produciu o milagre.
O noso reiseñor poeta naceu e medrou en Randulfe, converténdose deseguido nun algareiro paxariño ceibe de aldea. Do mesmo xeito que lle aconteceu ós outros paxaros, non precisou moito tempo para saber manterse en pé, para aprender a andar e para dominar a arte de voar. Aínda que, a diferenza de tódolos demais, dende o intre no que recibiu a vida ata o momento no que se converteu en vento, o seu corpo e o seu espírito embebíanse, inexplicablemente, das sensacións existentes ó seu redor. Non se pode demostrar como acontecía, pero o certo é que calquera ente que el acariñaba fisicamente ou co seu cantar, ficaba enchoupado do seu espírito".
- Data
- Novembro de 2025
- Colaboramos con
- Xunta de Galicia - Secretaría Xeral da Lingua
- Concello de Paradela
- Tarefa
- Edición e publicación do libro
- Materiais
- Ver libro na Biblioteca Virtual Egeria
