O Alcalde de Astorga visita en Monterroso a exposición dos Maragatos da Porta de San Pedro

José Luis Nieto, Alcalde de Astorga, capital da Maragatería, visitou hoxe en Monterroso a exposición “Os Maragatos da Porta de San Pedro”, acompañado do concelleiro do grupo de goberno astorgano Amando Alonso, e de dous maragatos -Aureliano e María Luísa- ataviados coa vestimenta tradicional desta comarca leonesa.

Foron recibidos no Centro de interpretación e Museo da Vila das Feiras polo Alcalde de Monterroso, Eloy Pérez, o concelleiro Balbino Martínez Cordero, e a Directora do Museo, María José Gómez Alvite, así como pola protagonista da mostra, María Carmen Pérez-Carro, e os membros de Egeria, Antonio Giz e Xulio Xiz, responsables da exposición e autores do libro “Los Maragatos de la Puerta de San Pedro”, que reflicte a historia desta familia, desde a chegada a Lugo do patriarca, Tomás Pérez Carro, en 1880, ata a actualidade, na que a neta do fundador é a titular da emblemática cordelería de San Pedro 66, e representante da herdanza maragata da familia.

Os visitantes percorreron a exposición, recibindo explicacións sobre os contidos da mostra, dialogando sobre diversos aspectos da mesma, mostrando o seu especial interese porque o libro e mostra fosen presentados en Astorga, e que con ese motivo se impartise unha charla sobre a presencia dos maragatos na capital lucense e a especial incidencia dos Pérez-Carro na actualidade de Lugo desde finais do século XIX.

Aureliano, ao comezo da visita, recitou un poema anónimo referido aos Maragatos e á súa historia e traballo, e a continuación, xunto con María Luisa, interpretaron un tema maragato ás típicas castañolas. Os catro visitantes recibiron cadanseu exemplar do libro que dá orixe á exposición, así como agasallos do Concello de Monterroso.

De acordo co Concello de Astorga, a mostra dos Maragatos da Porta de San Pedro vaise trasladar á capital da Maragatería o próximo verán, para aproveitar a maior presencia de público polas vacacións para, a continuación, levala a Santa Colomba de Somoza, localidade de procedencia da Familia Pérez-Carro.

O próximo luns pecharase esta exposición en Monterroso, onde recibiu numerosas visitas, especialmente por parte dos alumnos dos centros educativos, onde chamou poderosamente á atención, especialmente polo vencello dos maragatos con Monterroso e as súas feiras, xa que un camiño que viña da Maragatería e chegaba a Compostela, pasaba por esta localidade, onde aínda se recorda como “Camiño dos Maragatos” ou “Camiño Santo”. O mesmo luns, ás 13:00 h., será inaugurada no Auditorio Municipal de Mondoñedo, onde permanecerá durante dúas semanas.

Os Maragatos da porta de San Pedro

Cara a 1880, a primeira xeración dos MARAGATOS da Porta de San Pedro (Lugo), o matrimonio formado por TOMÁS PÉREZ CARRO e VICENTA GARCÍA CARRO, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, TOMÁS PÉREZ-CARRO GARCÍA (Lugo, 1895).

Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar na historia desta familia, a súa procedencia leonesa e asentamento en Lugo, e a súa especial traxectoria ao servizo do comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro MARÍA DEL CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA, a máis nova dos membros da terceira xeración dos MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO.

Un pouco de historia

A primeira xeración dos Maragatos da Porta Toledana, avós dos actuais, estableceuse primeiro fronte á Porta San Pedro, fóra de murallas, para alí poder comercial libremente sen ter que pagar os fielatos, un dos cales estaba precisamente situado nesta Porta. Crese que TOMÁS PÉREZ CARRO (que faleceu en Lugo en 1914) e a súa esposa VICENTA GARCÍA CARRO (falecida en 1944) chegaron a Lugo en 1880 procedentes de Santa Colomba de Somoza, na Maragatería, aínda que como o matrimonio se celebrou o 3 de febreiro de 1883, hai que supoñer que Tomás veu só e, unha vez afianzado en Lugo, casou en Santa Colomba de Somoza e entón a súa muller acompañouno a esta cidade.

A segunda xeración conformárona os seus tres fillos: CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA que casa con TOMÁS CARRO, tamén maragato, en 1913, e falecería sen descendencia en 1944; MARÍA DOLORES PÉREZ-CARRO GARCÍA, que falecería en 1911; e TOMÁS PÉREZ-CARRO GARCÍA, nacido en 1895 e falecido o 19 de abril de 1981, que casou en 1932 con MARÍA DOLORES GARCÍA CRESPO, nacida en 1905, de familia maragata residente na Coruña.

Do matrimonio PÉREZ-CARRO GARCÍA-GARCÍA CRESPO naceron seis fillos, que conforman a terceira xeración: TOMÁS (1933), falecido en 1939; MARÍA DOLORES (1934), falecida en 1992; JOSÉ (1936), casado con Gabriela Fole Nieto, falecido en 1916; ANDRÉS (1936), casado con Adela Ríos Panisse; VICENTE (1938), casado con María Isabel López-Acuña López, falecida en 2020; e MARÍA DEL CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA (1942).

María Dolores, Licenciada en Económicas, foi Delegada en Lugo do Padroado Nacional de Protección de Menores; José, estivo dedicado aos negocios da familia; Andrés, Cardiólogo da Seguridade Social, na actualidade xubilado; Vicente, avogado, foi Asesor Xurídico do Concello de Lugo e  María del Carmen, Licenciada en Ciencias Políticas e en Dereito, Graduada en Maxisterio coa carreira elemental de piano, abandonou todas estas actividades para dedicarse en exclusiva ao negocio familiar da rúa de San Pedro para rexer a máis orixinal e emblemática tenda da capital lucense.