A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acolle a exposición itinerante sobre os 150 anos da Banda de Música de Paradela

A Biblioteca Pública Provincial da Xunta en Lugo acolle desde hoxe a exposición itinerante sobre o 150 aniversario da Banda de Música de Paradela, impulsada polo colectivo Egeria. No acto de inauguración participou o delegado territorial, Javier Arias, xunto á directora do centro, María Isabel Pérez Fórneas, a alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar, e o presidente da entidade organizadora, Xulio Xiz.

A mostra, que permanecerá na Biblioteca ata o vindeiro 28 de marzo, consta de 12 paneis con textos e fotos que, a través de información recollida de distintas publicacións, repasa a traxectoria da banda desde a súa formación en 1873. Foi exposta por primeira vez en Paradela con motivo da feira anual do San Cidre do 2023.

A Banda de Paradela cumpre 150 anos

A exposición está composta por 12 paneis roller de 2x1 metros, e nela faise un especial percorrido desde a fundación da Banda en 1873 ata o momento actual; desde o nacemento como “Banda de Barrido”, por xurdir na aldea do mesmo nome da parroquia de San Vicente de Paradela, ata a agrupación que na actualidade dirixe Martín Vázquez e preside a saxofonista Marisol Arias. Faise especial fincapé nos músicos históricos que quedaron na memoria das xentes de Paradela, e da especial afección musical dos paradelenses, destacando a aldea de Barrido, onde había músicos en todas as casas.

Grazas ás informacións recollidas dos xornais La Idea Moderna, El Lucense, La Voz de la Verdad, El Pueblo Gallego, El Eco de Galicia e El Progreso, desde finais do século XIX, foi posible seguir a traxectoria desta Banda, que despois de Banda de Barrido foi Banda de Barrido-Farbán, para desaparecer a comezos dos anos sesenta pola emigración da maioría dos seus membros, e ser recuperada anos despois por músicos que volveron da emigración ou continuaron con actividades musicais na terra.

Destácanse nomes como Cándido López (impulsor da banda ao volver da emigración en Suiza), Pedro Rodríguez (director, que “tocaba todos os instrumentos”, e na súa memoria ten un pequeno museo na súa casa de Barrido), Ramiro Rodríguez (director, fusilado no tempo da Guerra Civil) e “Ramiriño” (o seu fillo, tamén director, que doou a batuta de director de seu pai e o clarinete que el tocaba, ao CENTRAD de Lugo).

Un panel está dedicado ao músico e director Lino de la Torre Barrio, fundador da orquestra Max 2000, que tocou no Circo Price, e durante dúas décadas foi director da Banda e Escola de Música. E noutro destácase ao músico máis veterano da Banda, Julio Varela, de 91 anos, que toca o bombo, e á máis nova, Sara Arias, de 9 anos, que toca a trompeta.

Esta exposición será itinerante ao longo deste ano por diversas localizacións da provincia de Lugo. É unha produción do Colectivo Egeria en colaboración coa Banda de Paradela, co patrocinio do Concello de Paradela e da Xunta de Galicia.