
A exposición OS MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO, na Biblioteca Pública Nós, de Ourense
A Biblioteca Pública Nós, de Ourense, acolle durante a segunda quincena de marzo a exposición OS MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO, que organizan o Colectivo Egeria e a Fundación Pérez-Carro, e que estivo aberta anteriormente nas bibliotecas de A Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra.
A Mostra está composta por doce paneis -en galego e castelán- e unha vitrina con obxectos e documentos, e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entregará gratuítamente aos visitantes.
Os Maragatos da porta de San Pedro
Cara a 1880, a primeira xeración dos MARAGATOS da Porta de San Pedro (Lugo), o matrimonio formado por TOMÁS PÉREZ CARRO e VICENTA GARCÍA CARRO, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, TOMÁS PÉREZ-CARRO GARCÍA (Lugo, 1895).
Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar na historia desta familia, a súa procedencia leonesa e asentamento en Lugo, e a súa especial traxectoria ao servizo do comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro MARÍA DEL CARMEN PÉREZ-CARRO GARCÍA, a máis nova dos membros da terceira xeración dos MARAGATOS DA PORTA DE SAN PEDRO.
Inauguración
A exposición foi inaugurada por Sandra Quintas Vázquez, Directora provincial de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, acompañada polo divulgador cultural Miguel Ángel Martínez Coello, o presidente de Egeria, Xulio Xiz, e persoal da Biblioteca provincial Nós, de Ourense.