Presentada a mostra "Manuel Rodríguez López 2.0" en O Pino

Tivo lugar no Centro Sociocultural Luís Seoane do Concello de O Pino a presentación da exposición MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ 2.0, unha nova edición da mostra sobre a vida e obra do escritor de Paradela, cun novo deseño gráfico, contidos actualizados e reestruturados, e un acceso inmediato a contidos multimedia adicionais a través de códigos QR. A mostra forma parte do PROXECTO MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ, emprendido por GaliciaDigital, o Colectivo Egeria e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística), a Real Academia Galega e Endesa. Esta nova exposición foi posta en marcha este ano como parte das celebracións polos 200 anos do Concello de Paradela.

Participaron na presentación Manuel Taboada, alcalde de O Pino; Eva Varela, concelleira de Cultura; José Manuel Mato, alcalde de Paradela; e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

A exposición orixinal percorreu desde 2013 máis de 21.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, visitou a Casa de Galicia en Madrid, as Universidades de Granada, Deusto e Extremadura e os Centros Galegos de Santander, Barcelona, Salamanca, León, Vitoria, Llodio, Las Palmas de Gran Canaria, Valladolid, Sevilla ou Pamplona, e chegou tamén a Portugal, concretamente ao Centro Galego de Lisboa e ás Universidades do Minho (Braga) e Algarve (Faro).

Esta nova mostra continuará a súa andaina este ano percorrendo o Camiño Francés desde Pedrafita ata Santiago. Está composta por doce paneis, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun grande animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os gallegos emigrantes en Cataluña.

Manuel Rodríguez López e tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que está en marcha a XXVIII edición.

Máis información: www.manuelrodriguezlopez.org