Homenaxe a Pedro Rubal en Santiago de Compostela, na que se presentaron o libro "Fuxindo da Saudade" e a web pedrorubal.org

Na Facultade de Filosofía da USC foille rendida unha homenaxe ao profesor e escritor Pedro Rubal Pardeiro, con motivo dos seus noventa anos, acto no que participaron, ademais do homenaxeado, o Alcalde de Alfoz, Jorge Val; o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o Decano da Facultade de Filosofía da USC, Marcelino Agís; e o Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

Presentouse o libro de Rubal FUXINDO DA SAUDADE, que recolle os seus artigos publicados en GaliciaDigital os últimos dez anos, editado co apoio do Concello de Alfoz, do que Rubal é Fillo Predilecto. Así mesmo presentouse a web pedrorubal.org, desenvolvida pola empresa lucense Galicia Digital, e que recolle a traxectoria vital do homenaxeado e toda a súa obra de creación.

O libro FUXINDO DA SAUDADE é un compendio dos artigos que Pedro Rubal ven publicando en GaliciaDigital con periodicidade semanal, nos que, baseándose en pensamentos ou tendencias filosóficas, analiza acontecementos da vida cotiá para proporcionar unha visión de especialista sobre a actualidade, de interese para especialistas e para todo lector preocupado pola marcha do noso mundo.

A web de homenaxe ao nonaxenario escritor está promovida polo Colectivo Egeria, realizada por GaliciaDigital e patrocinada polo Concello. Recolle na súa integridade os libros publicados por Rubal: DE MAQUIAVELO A WALLRAFF. DOS VÍCTIMAS DE LA HIPOCRESÍA AJENA; EVOLUCIÓN Y COMPLEJIDAD. PERSPECTIVAS CIENTÍFICA Y METACIENTÍFICA e FUXINDO DA SAUDADE, así como os artigos publicados na prensa escrita, revistas especializadas e en GaliciaDigital. Inclúense así mesmo opinións sobre o autor, formuladas por compañeiros, amigos, veciños ou alumnos deste.

Máis información: www.pedrorubal.org