O Colectivo Egeria presenta o libro “MANUEL REGUEIRO TENREIRO, Harmónico bilingüismo… Harmonía vital”

Nun acto celebrado no compostelán Pazo de San Roque vén de presentarse o libro “MANUEL REGUEIRO TENREIRO, Harmónico bilingüismo… Harmonía vital”, promovido polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia. Xunto co libro foi presentada a web www.manoloregueiro.gal, que recolle íntegros os contidos desta publicación de homenaxe ao profesor Regueiro Tenreiro, filósofo e escritor, no que participan oitenta especialistas, compañeiros e amigos.

Interviñeron na presentación o Decano da Facultade de Filosofía da USC, Marcelino Agís; o catedrático de Psicoloxía, Agustín Dosil; os membros da Real Academia Galega Xesús Ferro Ruibal e Manuel González González (Director do Centro Ramón Piñeiro, que representou ao Secretario Xeral de Política Lingüística); a viúva do homenaxeado, María Teresa Pérez, e o Presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.

O próximo xoves, 29 de xullo, libro e web serán presentados ás 21:00 horas no Centro Veciñal de Perbes (Asociación de veciños Xarío, Miño), localidade natal do profesor homenaxeado, coa participación do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o ex-Conselleiro de Educación e Fillo Predilecto de Miño, Juan Piñeiro Permuy, e o Alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo.