A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’ chega á sala Black Box, da Coruña

A exposición ‘Don Ricardo de Fingoi’, homenaxe a Carballo Calero por serlle dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2020, chegou á sala Black Box (A Coruña), onde será presentada nunha charla-coloquio que terá lugar o vindeiro xoves 22 de xullo de 2021, de 19 a 21 horas, e que contará coa presenza dos escritores e escritoras MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO, TAREIXA ROCA, LUIS GARCÍA SOTO e ÁNXELES PENAS. A exposición continuará os días 23 (de 19 a 21 horas) e 24 de xullo (de 12 a 14 horas).

A mostra, organizada polo Colectivo Egeria, con patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Colexio de Fingoi, reflicte as “pegadas de Carballo Calero en Lugo”, onde permaneceu quince anos (1950-1965), e desenvolveu unha moi importante actividade na investigación, na educación e na escrita.

O proxecto “Don Ricardo de Fingoi” inclúe, ademais desta exposición itinerante, un folleto que reflicte integramente os trece paneis, e unha web e un libro con opinións e lembranzas de ex-alumnos de Carballo Calero no Colexio de Fingoi.

No seu período en Lugo, Ricardo Carballo Calero leu e publicou a tese de doutoramento, ingresou na Real Academia Galega e comezou a publicación da súa monumental Historia da Literatura Galega contemporánea.

Máis información:

www.carballocaleroenlugo.org

https://colectivoegeria.org/portfolio/don-ricardo-de-fingoi-carballo-calero-en-lugo