​ O libro “AQUELA NENA DE SARRIA” sobre Xela Arias foi presentado en Sarria

Hoxe foi presentado na Casa de Cultura de Sarria o libro AQUELA NENA DE SARRIA, de Antonio Giz e Xulio Xiz, editado polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega e o Concello de Sarria. Neste acto participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Reyes Abella, concelleira de Cultura de Sarria, Marcos Arias, irmán de Xela, e Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria.

O libro completa o proxecto do mesmo nome, composto ademais pola web www.aquelanenadesarria.gal, a exposición itinerante que a finais de maio completou un total de 44 destinos en toda Galicia, e un catálogo desta exposición cos contidos íntegros da mesma para que os visitantes poidan “levar a exposición para a casa”.

No libro, que conta cunha presentación de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, abórdanse os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias, con atención especial á familia Arias-Castaño, os colexios de Barreiros e Fingoi (fundados polo financeiro Antonio Fernández), e o especial vencello de Xela Arias co idioma galego, con Sarria e coa escrita; palabras de Xela e palabras sobre Xela, e as achegas de membros da familia da escritora, Asunción Fernández Puentes (directora do Colexio Fingoi), Xaime Félix López Arias (amigo da familia Arias-Castaño) ou María Casar, especialista no panorama cultural sarrián.

No aspecto literario, cómpre destacar as creacións poéticas na honra de Xela de sete voces do panorama poético sarrián da actualidade (Eloi Caldeiro, Sonia Arias, Manuel Darriba, Elena López González, Luis López Alonso, Elena Pérez López e Antón Fortes Torres), así como as creacións poéticas de 45 alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, coordinados polos profesores Lola Chaos e Eduardo Rey.

O colectivo Nova Poesía Guitírica, coordinado por Antón de Guizán, participa neste libro con “Vilariñas para Xela Arias”, obras dos escritores Miguel Barrera, Clara Blanco, Luz Campello, Amalia Díaz, María Xosé Lamas, Emilia Martínez, Pilar Maseda, Carlos Neira, María Pereira (Oslita), Xelo Teixido e Antón Tenreiro.

Completan as ofrendas poéticas a Xela as compoñentes de “Elas-compañeiras de viaxe”, grupo formado por Ana Romaní (da R.A.G.), María Xosé Queizán, Marica Campo, Carmen Blanco, Marga do Val, Susana Trigo, Yolanda Castaño, Olga Novo e Cristal Méndez Queizán.

O libro está xa publicado integramente na web do proxecto, e na Biblioteca Virtual de Galicia Digital (da que fai o número 226 dos volumes ao dispor do público), podendo accederse a el, a través do seguinte enlace:

https://bibliotecavirtual.galiciadigital.com/content/aquela-nena-de-sarria-xulio-xiz-antonio-giz
 
Exposición “Aquela nena de Sarria”
 
Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra, que ten carácter itinerante, visitou en primeiro lugar os centros educativos do Concello de Sarria, e comeza agora o percorrido polo resto da provincia de Lugo e de Galicia, sendo o último destino ata agora en Santiago, no Instituto Rosalía de Castro.