A finais de maio, a exposición AQUELA NENA DE SARRIA terá estado en 42 poboacións e capitais galegas
42 serán as capitais e poboacións galegas que ata finais do presente mes de maio terán recibido a visita da exposición AQUELA NENA DE SARRIA, promovida polo Colectivo Egeria que, co apoio da Xunta de Galicia -Consellería de Cultura, Educación e Universidade-, iniciou o seu percorrido en Sarria o pasado 4 de marzo, data na que Xela tería cumprido 59 anos.
En principio, a exposición estaba concibida como unha mostra itinerante, que visitou primeiro os centros educativos de Sarria e comarca, totalizando neste momento 16 localizacións en centros educativos e institucións, que serán 19 ao final do presente mes.
O elevado número de peticións que se foron recibindo de institucións interesadas en recibir esta mostra, obrigaron a confeccionar outras varias mostras a xeito de prismas cuadrangulares, das que once se situaron fixas en dependencias da Xunta de Galicia en todo o país, Real Academia Galega, Mupega, e outras institucións. E outras, de xeito itinerante foron situadas ata agora en 6 centros educativos, que serán 12 ao final do mes de maio.
A exposición, nos dous formatos indicados, seguirá a percorrer Galicia ata finais do presente ano.